
Manfred Gnädinger, nado en Alemaña no ano 1936, foi un artista autodidacta que no ano 1961 comeza unha viaxe que o levaría ata Camelle (Camariñas), onde rompería todo vínculo coa sociedade para vivir adicado a súa arte. Co tempo, establécese nun terreo ao carón do mar e vive en harmonía total coa natureza, mergullándose nas frías augas do mar e correndo polos camiños da vila acotío. Manfred desaparece.. e nace Man.

Nos anos 70 comeza a realizar a súa obra, na que os círculos e as cores básicas son unha parte fundamental. Pronto as súas creacións esténdese por toda a vila e arredores e, nos anos 80, consolida o seu proxecto museístico: o xardín-museo, no entorno da súa vivenda. A súa forma de vida radicalízase e comeza a cultivar os seus propios alimentos e a servirse do que lle ofrece a natureza.

En 1985 lévase a cabo a construción do espigón, supoñendo a destrución de parte da súa obra. Como protesta, Man deixa as súas pegadas no formigón cando o material estaba aínda fresco. Decide entón facerse con este novo elemento integrándoo no seu xardín en lugar de rexeitalo.

O 13 de novembro do ano 2002 naufraga o petroleiro Prestige e inúndase o museo de Man coa marea negra tres días despois. Esta situación leva ao artista a unha profunda depresión, morrendo o 28 de decembro de 2002.Moi probablemente Man deixouse morrer, non soportaba máis o sufrimento do mundo, e ata chegou a dicir que a catástrofe non debía limparse por ser un episodio da historia e porque serviría para recordar que «o home non quere ao home, nin ao mar, nin aos peixes nin á praia». A súa fotografía dará a volta ao mundo.

A súa obra é froito de toda unha vida de traballo sen descanso, comprometida coa comuñón total entre a vida, arte e natureza. As súas pezas non se poden desvincular da súa vida, do seu corpo, de todo o seu ser. Comprender a obra de Man pasa por localizar e dimensionar a súa figura na arte contemporánea e máis concretamente no movemento de arte e natureza. Unha vida e obra vencellada ao mar e ao respecto polo medio natural.
