
A caseta de Man e un dos elementos máis característicos de toda a súa obra. A súa historia comeza cando o veciño de Camelle, Pepe Mouzo, ofértalle a cesión dun terreo ao carón do mar, no ano 1971. A vivenda que el buscaba construír era un habitáculo mínimo que lle permitise gorecerse do frío e do vento dos duros invernos costeiros no norte de Galicia. Construída en ladrillo, contaba cun pequeno solarium de forma triangular que permitía quentar a casa á vez que, de noite, Man podía contemplar as estrelas.

O máis recoñecible desta vivenda son os círculos debuxados no seu exterior. Ao longo do tempo, Man cambiou en varias ocasións a fachada; a pesar dos cambios, sempre empregou o círculo como elemento principal, ao igual que en toda a súa obra. Nos primeiros anos empregou as cores branca e negra pero, co paso do tempo, engadiulle as cores primarias (azul, vermello e amarelo) e, posteriormente, mesturas.
Tamén destacan os pequenos ocos que se abren de forma aleatoria para o paso de luz nas partes altas e para permitir ventilación coas ventás baixas. Todos os vidros da vivenda estaban cubertos con distintos tons de cores azul, verde e vermella que lle proporcionaban distintos xogos de luz, tanto no interior da vivenda como nos arredores. Este xogo coa forma, a cor, o tamaño e a disposición dos ocos recordan a igrexa de Ronchamp de Le Corbusier, o cal utilizara esta técnica rememorando as vidreiras das grandes catedrais góticas europeas.
Grazas a todos estes elementos a casa camúflase no terreo entre aparellos e espuma de poliuretano, principalmente na súa cuberta, semellando así ser un obxecto máis traído polo mar; o mesmo que o resto de esculturas e instalacións que, no Xardín-museo, Man foi depositando. Ninguén podía prever o que acontecería no 2002, co naufraxio do petroleiro Prestige e a morte de Man, facendo que a caseta e o Xardín-museo sufriran danos irreparables a partir dese ano.
Iniciativas coma a Fundación Man de Camelle, traballaron no recoñecemento da figura e legado de Man, polo que en maio de 2009 levouse a cabo a proposta para a declaración do museo como Ben de Interese Cultural (BIC) e a redacción dun Plan Especial no que se recollía a urxencia dunha proposta para a Rehabilitación da Casa de Man como peza fundamental do seu legado.
En outubro de 2012, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Camariñas (PXOM), recolle no seu Plano de Clasificación e Calificación do Solo do Termo Municipal un ámbito de Protección de Elementos Arquitectónicos entorno ao Museo e, no seu Catálogo de Patrimonio Cultural, o Museo de Man como un ben patrimonial catalogado.

No ano 2015, dentro do proxecto GAC “Man: mar,arte e natureza”, vendo os problemas de conservación que tiña o xardín–museo e a súa destrucción tras os invernos de 2013 e 2014, comenzanse os traballos de virtualización do xardín-museo.

Tras unha longa espera e duro traballo o 23 de outubro deste ano, o Concello de Camariñas, formalizou o contrato para a recuperación da Casa de Man de Camelle segundo o proxecto elaborado por Juan Creus e Covadonga Carrasco. Os traballos que teñen un tempo de duración estimado de 50 días constan da limpeza selectiva do interior do espazo, limpeza e reparación ou reposición de paramentos,cuberta e solarium ademáis da reposición dos estantes que había no interior. Respecto a conservación das pinturas exteriores, realizarase a fixación e consolidación da policromía con adhesivo.
Fonte:
Creus, J e Carrasco C. Proxecto básico e de execución recuperación da casa de Man en Camelle. marzo 2016