Finalizan os traballos de rehabilitación da Casa de Man

25151959_1633468446714667_2458945929481307968_n
O pasado 14 de decembro fíxose entrega da casa de Man tras finalizar os traballos de rehabilitación. Na imaxe o alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León, o concelleiro de obras Juan Carlos Canosa, os arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco e os representantes da empresa de construción Messi, o xerente José Bemposta e o restaurador Jonathan Balbuena

Por Jonathan Balbuena*

Unha casa espida de toda a súa antiga significación, corrompida polos anos de abandono e traxedias, enferma dunha soidade da que outrora careceu, na que o seu único habitante acicalaba con racional degoxo a sabendas da súa potencial riqueza plástica. Atopámonos cunha ruína ancorada nun tempo glorioso que xa non existía.

As súas paredes esporranchas, sen mostrar o lenzo que conformaron nun recente pasado,dánnos conta que o espírito que habitaba esta especial peza escultórica esvaeceu deixando un legado ao que temos que dar sentido, non só estético, senón tamén un sentido sentimental e racional que remarque esa “alieníxena” figura que era Man.

IMG_20171108_175320
Colocación do chan da casa

O primeiro foi dotar de chan a ese lugar pedregoso e inhabitable que nun pasado aínda moi presente serviu de apoio físico e vital ao morador anacoreta que viu nesa Costa da Morte un lugar privilexiado onde afondar un museo diferente e peculiar. Un museo que tras o seu esforzo individual foi quen de dotar de existencia a ese escondido pobo mariñeiro situándoo nun mapa onde o mundo se fixo cada vez máis pequeno.

Tras a colocación da tarima de madeira ao xeito de Manfred, proseguiuse coa estrutura,tamén en madeira, que sostería o peso dun tellado aberto ao ceo por unha fenda a modo dun corazón escachado que choraba nos días negros a ausencia do seu pulso de vida,estrañando o agarimo co que foi tratado ata ese fatídico 28 de decembro do 2002 onde unha inmensa balea negra devorou a realidade na que convivían en perfecta harmonía o mundo natural e a súa marabillosa artificialidade.

IMG_20171130_180924

Vista dos vidros renovados

Coa estrutura física e tamén emocional rematada e o arranxo de todas as lacrimóxenas crebas, a renovación dos vidros do pequeno habitáculo foi o seguinte reto. Estes corenta e oito vidros, colocados estratexicamente para que o contacto co seu mundo natural circundante fose total, conformaban un lugar panóptico onde o control dos elementos era o primordial, podendo observar dende estrelas fixas e mareas ata puntos estratéxicos da baía. Grazas ás diferentes cores coas que engalanaba cada un destes transparentes elementos configuraba un prisma onde a luz abatanaba de tal xeito que a perfección lumínica do arco da vella permutaba a branca luz do interior pola intensa e sofisticada bandeira multicolor deste fenómeno tinxido dunha artificiosidade teatral, unha artificiosidade na que o mundo de Man modelaba ata o transcorrer do tempo por medio das cores que esvaraban no interior das súas paredes fartas dos engalamentos que hoxe tanto anhelaba.

DSC_0380
Vista da casa antes da rehabilitación
IMG_20171128_163810
Vista da casa tras finalizar os traballos

A reintegración cromática das pinturas do exterior levouse a cabo coa diferenciación autor/restaurador. A recuperación das fortes tonalidades das pinturas mandfredianas foi o que rematou por devolver o espírito e vida a esa casa xa cansada de esperar tempos mellores, de agardar vellos tempos, onde a súa viva aparencia e ese falar colorista chocaba coa imaxe de ollos tristeiros do seu creador. Un creador que falaba en moitos idiomas pero que plasmaba todos eles nunha arte infinita, nunha arte que, como os seus círculos, non tiña comezo nin final.

 

*Jonathan Balbuena é titulado en Conservación e Restauración de Bens Culturais e foi o encargado dos traballos de rehabilitación da Casa de Man en Camelle. O noso agradecemento pola elaboración deste post.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s